Saltar al contenido
Portada » Noticias » Chévere e a documentación como alternativa ao odio

Chévere e a documentación como alternativa ao odio

por Ánshel

Despois de estrear en Santiago de Compostela e facer unha primeira función en Vigo, Chévere volveu a Madrid dende o 15 de marzo ata o 7 de abril có seu espectáculo Hellen Keller, A muller marabilla?, no teatro Valle-Inclán. Eu, que me inclúo nesa estraña especie de galegas perdidas na capital, escribín aos meus colegas das aulas de galego (que unha ten que manter as raíces) para lles preguntar se querían vir a ver a peza. “Mais, ¿é en galego?”, respondeume o profesor. E era, na verdade, unha boa pregunta.  Eu aínda non o sabía pero, por primeira vez, Chévere non precisaba facer unha sesión en galego, pois a lingua minorizada predominante da peza era a lingua de signos.

A miúdo se fala do silencio que enche a sala xusto antes do comezo dunha obra. Neste caso, o silencio persiste ao longo da peza, se impoñe xunto á escuridade, procurando alternativas á comunicación teatral habitual ao mesmo tempo que reflicte de que xeito é posíbel facermos unha peza de teatro documento sobre Hellen Keller: ¿Como abordar esta figura coñecida como a primeira muller xordocega en obter un título universitario? ¿Como distinguir a verdade do mito? ¿Que aportan as fotografías, filmes, as cartas, as brincadeiras, os documentais? ¿Quen pode falar de Hellen Keller? ¿Quen pode falar por Hellen Keller? ¿Cales son os riscos de achegarse dende a investigación á súa figura?

O coidado co que o reparto (formado por Ángela Ibáñez, Patricia de Lorenzo e Chusa Pérez) procura achegarse á muller ve se reflexado no tratamento de cada obxecto da escena. Deste xeito, con calma e agarimo, visten e moven os brazos do manequín, que é Keller, manipulan a súa roupa, as súas fotos, sen caer no mito do “milagre” de Hellen Keller, se non partindo da documentación para cuestionar o que se ten dito da súa figura, e o que aínda se pode e se ten que dicir desta muller que foi escritora, activista e militante socialista.

Ao mesmo tempo, a peza de Chévere reflicte sobre o público ao que facemos teatro, e as alternativas para achegar o teatro ás persoas con discapacidade auditiva ou visual. Neste senso quero subliñar que todas as funcións contaban con audiodescripción, e dous sesións ofrecían un “touch tour” para que persoas con discapacidade visual puidesen coñecer mellor a escenografía da peza. 

O traballo de Chévere, que continuou o seu percorrido por Galicia e Cataluña e aínda estará no Auditorio Municipal de Cangas o 30 de Xuño é, tanto para os seguidores da compañía como para quen aínda non a coñece, unha peza que alén de amosar as novas posibilidades do teatro documento confía no amor e o respecto para procurar verdades en tempos de odio e fake news.