Por Ánshel
Unha pedra. É grande, alaranxada e colga no medio do escenario ameazante, como a piques de caer. Pero non. A piques de esmagarnos. Pero non. Ese peso sobre nós é o peso da memoria, que Nova Galega de Danza decidiu recuperar no seu último espectáculo: Dique. Non hai escusas, a danza eríxese como unha linguaxe expresiva ao servizo dunha tarefa pendente como é rescatar a memoria de centos de mulleres, que son as nosas bisavoas e tataravoas e que no seu traballo mal pago como “estibadoras” construíron o dique de Campá de Ferrol a finais do século XIX. Como? Transportando toneladas de pedras sobre as súas cabezas.
Oito bailarinas baixo a coreografía de Belén Martí Lluch e a dirección e dramaturxia de Marta Pazos, retratan o esforzo, a sororidade, a velocidade e a resistencia destas mulleres que non deixaron de enfrontarse, á fin e ao cabo, á morte, presente nesa pedra que colga como un sepulcro. Dique homenaxea estas figuras como forma de devolverlles a dignidade e para que, como diría María Zambrano, “ninguén poida facer morrer aínda máis aos mortos”. Así, as bailarinas levantan, desprazan e descansan sobre as pedras que hai no escenario, que son o pan, que dan a vida e tamén a arrebatan a estas mulleres que parecen ter unha forza sobrehumana. A estética característica de Marta Pazos e a música de Clara Aguilar contribúen a crear esta atmosfera case sobrenatural, case marciana. Pero non. Case ficcional. Pero non.
Con cada imaxe, Dique trae o pasado ao presente, fíxao como unha fotografía, Instantáneas de maternidade, cansazo e esforzo, suavidade e forza, a favor da gravidade e en contra, a levidade aparente das pedras que esconde o dano. A terra que é unha condena e mantennos con vida. A contención das pedras, a contención das mulleres. Mulleres de pedra. Onde comeza unha e onde remata a outra?
Non puido haber mellor comezo para o inicio da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia este 2024, amosando como a memoria é, e debe seguir sendo, esencial na escena contemporánea, que cada pedra está viva e chea de historias e sufrimento na súa antigüidade. Que é preciso escoitalas, abrazalas, choralas, lembralas, danzalas dende o amor á vida e ás nosas raíces.