Saltar al contenido
Portada » Noticias » CEIBE: Isto ten que ser unha festa

CEIBE: Isto ten que ser unha festa

Por Ánshel

Sábado 25 de xaneiro. Valladolid. Despois dun viño en cunca imos ao LAVA, xa o noso teatro de confianza. Imos con outros colegas da ESAD CyL e alí, no patio de butacas a rebordar, distinguimos a un par de gaiteiros que antes estaban a ensaiar na Casa de Galicia.

Neste proceso torpe de tentar entender o desarraigamento que me acompaña dende hai uns anos, comezo a normalizar falar galego fóra de Galicia, e Ceibe preséntaseme como unha viaxe. Pero non unha desas viaxes longas en tren media distancia, con transbordos e buses ata que chegas a casa e estás tan cansa que quedas durmida. Non. Ceibe presentóuseme como unha viaxe ao interior dunha, coas súas contradicións e frustracións para atopar no fondo o desexo, case esquecido, de danzar.

CEIBE: Isto ten que ser unha festa
©Aigi Boga

Nesta peza de danza de Fran Sieira con oito bailadoras e bailadores, ponse en cuestión a norma dende a base do baile tradicional galego. O escenario asolágase así dun desexo de romper cos esquemas impostos sobre quen debemos ser ou como temos que danzar. E aínda que este elenco sabe moi ben “danzar con cadeas”, hai un esforzo por atacar as regras non escritas que nos manteñen nunha pasividade forzada e incómoda, pero asumida pola maioría. Esta pasividade pódese atribuír tamén ao papel do público: estático, de aplausos ao tempo, envexoso talvez, tímido con certeza. Quen, no fondo, atrévese a danzar primeiro? Eu non. (De verdade que non, aínda con Aida ao meu carón convidándome a unirme á súa festa).

Para iso pode que teñamos primeiro que cuestionar as nosas sombras e as dos demais. Hai moitos nós por desfacer en comunidade e moitas redes por tecer mirándonos aos ollos e ousando sacar aos nosos compañeiros a danzar. Como diría o meu querido Andrés Lewin “y a la mierda los disfraces y los muros. Los armarios, los silencios, los pasillos”. Cando rematou a peza, non puiden evitar traer tamén a Emma Goldman, como non, se repensar a tradición sen esquecer as raíces é unha revolución e isto ten que ser unha festa.

©Aigi Boga