Saltar al contenido
Portada » Noticias » OIE GAYEGO

OIE GAYEGO

(E O GALEGO CHEGOU Á RESAD)

Por Ánshel

O venres 21 de febreiro estréase na RESAD unha obra escrita e dirixida por Xiana Arias: Festa na terra. O feito de que Xiana elixise un elenco galego para a súa peza fíxome pensar na necesidade de falar do que pasa na escola madrileña coas linguas minorizadas e a importancia de apoiar montaxes deste tipo.

En primeiro lugar, máis da metade des alumnes da escola son de fóra de Madrid e isto implica non soamente a presenza de distintas linguas, se non a ampla variedade de acentos (que a maioría dos estudantes de interpretación non tardan en aprender a neutralizar por iso de que “así tes máis posibilidades”). Todo isto sen contar con aquelas persoas que veñen doutros países europeos baixo o programa erasmus e que tamén están a procurar un espazo para a súa lingua.

Así, non é estraño escoitar polos corredores da escola a persoas falando catalán, inglés, eúscaro ou, se tes moita sorte, galego. Con todo, esta variedade non se ve en absoluto reflectida nas montaxes da RESAD e moitas veces a obriga de usar sobretítulos en calquera palabra que non estea en castelán leva a que moitas persoas simplemente decidan facer a súa obra nesa lingua.

O caso de Xiana Arias é peculiar xa que, sendo os seus pais galegos, ela sempre viviu en Madrid e non é galegofalante. Con todo, dende un comezo procurou para a súa obra a persoas galegas ou cun forte vínculo familiar con Galicia. Así Suevia Cabaleiro, Xacobe Bruña, Marta Pereira e Sofía Gallar encarnan na obra á familia de Xiana, para contar a súa propia historia de migración e desarraigamento.

Todes temos o noso proceso e Xiana Arias esforzouse en escribir a maior parte da obra en galego, aínda que tivo tamén que pór sobretítulos por petición da súa titora. ¡E aínda lembro as dúas horas que pasamos escoitando en italiano a Gianni Forte sen tradutor porque segundo o director da escola “todos entendemos ben o italiano”! Que contradición!

En definitiva, só podo dar as grazas a Xiana por confiar en min nesta montaxe como axudante de dirección. Gaitas, pandeiretas, pandeiros e vieiras son algúns instrumentos que tamén soarán na peza, que con sorte abrirá un camiño para que linguas minorizadas como o galego se teñan en conta na escola e que as nosas voces se escoiten polos corredores como se escoitan outras linguas.