Saltar al contenido
Portada » Noticias » Tacaíocht: Unha viaxe a Irlanda para xerar espazos de apoio e comunidade queer

Tacaíocht: Unha viaxe a Irlanda para xerar espazos de apoio e comunidade queer

Fai un mes, tiven a incríbel oportunidade de participar nunha viaxe a Irlanda como parte dun equipo que levaba por finalidade aprender técnicas e metodoloxías teatrais enfocadas en axudar a mocidade queer. En tan só unha semana, o noso pequeno grupo, integrado por Vivian Rodríguez, Alvaro Cima, Alba Pires, Marta Peniza i eu, Nerea Vaqueiro, aprendemos a crear unha comunidade con xente diversa e de diversos países, coñecendo mentres as integrantes das asociacións, compañías, zines e demais que conformaron esta experiencia. Cabe destacar a presencia da asociación a que representábamos nos, FOCO, que conta con grande experiencia traballando como hóspede e como anfitrión, e obviamente non nos podemos esquecer da labor levada a cabo polas voluntarias de Crooked House, a entidade anfitrioa e que nos guiou durante todo o proceso.

Este proxecto levaba o nome de Tacaíocht, que en galego significa apoio, e que comezou como unha viaxe a unha pequena vila chamada Maynooth, e rematou como unha exploración aos eixos das comunidades nas que vivimos. Esta non era a miña primeira vez en Irlanda, xa estivera fai nove anos. Recordo vivamente esa viaxe xa que foi a primeira viaxe que fixen coa miña irmá, e tamén foi a primeira vez que “saín do armario”. Se buscamos a definición de comunidade, esta é unha derivación do latín communis, “compartido por varios”, e é curioso que cando falamos da comunidade LGBTIQ+, adoitamos falar dos individuos que integran esta comunidade, pero moitas veces esquecemos os espazos nos que habitan estes individuos, os espazos nos que comparten. E de iso ía tacaíocht, de como xerar espazos onde poder compartir.

O programa formativo incluía talleres intensivos de un só día nos que tivemos a oportunidade de aprender sobre etimoloxía, datos, estadísticas e fundamentos da comunidade queer, mentres que tamén puidemos formarnos sobre unha “materia” en específico que abranguía as diferentes metodoloxías durante toda a estadía. Estes talleres teórico-prácticos eran dirixidos por profesores que contaban con unha vasta experiencia no uso do teatro como ferramenta de cambio social. As sesións permitironnos explorar novas formas de expresión e comunicación, reforzando a importancia de xerar espazos seguros onde tivemos a oportunidade de abordar temas que as veces semellan tan complexos como a identidade, a discriminación ou a aceptación propia. Ademais das habilidades adquiridas, o intercambio cultural con persoas de diferentes países fixo que non só compartíramos as nosas experiencias persoais, senón que tamén axudou a que construíramos unha rede de apoio internacional.

Falaba antes da miña primeira experiencia en Irlanda coa miña irmá. Daquelas non foi doado saír do armario, e cando o fixen, máis aló de algunhas amizades queer e algúns famosos de Hollywood, o mundo semellaba baleiro de adultos LGBTIQ+, adultos aos que acudir, adultos aos que ter como referente, adultos que entenderan o que era estar «fora do armario». Tacaíocht, para min, significou iso. Ese apoio que todas as persoas LGBTIQ+ precisamos cando comezamos a nosa viaxe, Tacaíocht foron os docentes que respetaron os pronomes de todos aqueles alumnos trans, os docentes que nos explicaron que significaban as cores da nosa bandeira, ou incluso os que nos levaron a coñecer un pub queer.

Non sei se poría a man no lume e diría que hoxe en día é moito máis doado ser queer, xa que cada xeración enfronta os seus propios desafíos e, aínda que as veces semelle o contrario, o mundo segue a ser un lugar difícil de transitar para a mocidade queer, pero polo menos hai unha parte de min, a de fai 9 anos que saía do armario nunha viaxe a Irlanda, que pensa que pouco a pouco, grazas aos docentes e a todes es voluntaries que participaron neste proxecto, que traballaron en crear pequenas pezas sobre o marabilloso que é ser queer, e que volven aos seus países, por moi perigosos que estes podan ser estes agora mesmo, para apoiar, para ser referentes, para xerar un espazo compartido, para xerar unha rede de apoio internacional que agardo axudemos entre todes a que perdure no tempo.